Igrexa de San Martiño

  • Atópase na Praza do Tapal, dominada polo Pazo dos Churruchaos, coa fiestra oxival na fachada, e o cruceiro gótico labrado nas catro partes.

    A igrexa mandouna construír o arcebispo Lope de Mendoza (1434). Destaca a beleza da súa fachada dividida en tres corpos verticais. Nos extremos as torres, no centro, o gran rosetón e a porta que ten no seu tímpano os escudos de Castela e León e as armas do arcebispo. As arquivoltas son tres. A interior representa a Cristo arrodeado de doce músicos. Nas xambas que cinguen á porta esculpíronse en dous corpos as figuras dos apóstolos.

    O interior do templo consta dunha nao dividida en cinco tramos afastados por arcos apuntados. No segundo da esquerda atópase a figura de San Roque acompañada de San Bartolomé. No cuarto apréciase a imaxe de San Martiño a cabalo, e no quinto a Virxe do Carme. Na banda dereita aparecen as efixies do Apóstolo e San Brais no segundo tramo; o Perpetuo Socorro no terceiro; a capela renacentista dos Valderrama (s. XVI) cunha pía bautismal e as imaxes dos evanxelistas, no cuarto; e a Virxe das Dores e Cristo crucificado, no quinto.

    Na cabeceira da nao destaca a capela maior e o altar. Presenta unha bóveda de cruceiría, iluminada por un pequeno rosetón, e dá ó exterior formando unha ábsida ameada.

    A entrada á igrexa soe facerse pola porta lateral norte, na que aparece representada a figura da Virxe co Neno Xesús, arrodeada polo arcebispo Mendoza e San Xosé.